Misión en 1º B

Onte, luns 28 rematamos a “misión en 1º B”. Coma sempre, presentamos a misión o martes pasado á primeira hora e deixamos alí a Biblioteca ambulante (O cofre pirata) Ese mesmo día os compañeiros de 2º de bacharelato explicáronlle algúns dos cadros.O mércores tiveron a súa sesión de cinema (Amanecer)

E o luns remataron a misión coa actuación do grupo BiblioTea. Mentras os titiriteiros preparaban o escenario na aula

os de 1º B facíanlle unha visita guiada ó blog da man da profesora de Lingua Castelá (grazas, Laura)

Cando xa todo estaba listo na aula, así de contentos chegaban os espectadores.

E finalmente aquí temos a representación. Estes titiriteiros despídense xa que en 1º C e 1º D, representará outra parte do BiblioTea. Desta vez conseguimos grabar a obriña completa. Grazas a Lucía, Paula, Iván, María e Carme.

Misión en 1º ESO A

O martes, día 15, comezamos a “misión pedagóxica” en  1º ESO A.

A sorpresa inicial dos rapaces ó atoparse a súa aula decorada co museo ambulante foi evidente, aínda que os fotografiamos de espalda.

Á primeria hora, na que tiñan titoría, presentámoslle a actividade e deixamos tamén na aula a “biblioteca ambulante” (picade sobre a imaxe para ver o contido)

Á quinta hora do mesmo martes os compañeiros de 2º de Bacharelato (Lázaro, Eva, as dúas Saras, Daffny e Luisa) foron a explicarlles  As Meninas, O Guernica, O matrimonio Arnolfini e A Gioconda. Fixérono moi ben a pesar das presas do primeiro día. Dámoslle as grazas a Ángela, a profesora de arte, que nos botou un cable en algún momento da explicación e a Loreto, aínda que “in absentia”,  pola selección musical coa que completamos a explicación. Quedamos á espera de que Berto, o profe de Debuxo,  nos pase as versións que fixeron os alumnos/-as do cadro que máis lles gustou.

Tedes información sobre todos cadros expostos picando sobre o título:

O bodegón de Popova, O Xardín das delicias, O nacemento de Venus, A lección de anatomía, O galo de Chagall.

O mércores na hora de Lingua Castelá os compañeiros do BiblioTea fixeron a estrea da obra de Federico García Lorca, “La niña que riega la albahaca y el príncipe preguntón”.

Esta obriña de títeres de Federico García Lorca, como dicía Esmeralda, a profe de Lingua Castelá e directora do grupo de titiriteiros, ben puido ser representada no marco das verdadeiras misións pedagóxicas da Segunda República, pois o poeta granadino foi un dos intelectuais “misioneiros”.

Mentras os rapaces de 1º A estaban no patio escoitando a Paco, compañeiro do Equipo de Biblioteca e do Equipo de Dinamización Lingüística, que os poñía ó tanto das actividades da bibliotecana súa aula a nosa compañía de titiriteiros apurábanse para ter todo a punto para a estrea…… e despois de preparar todo o atrezzo isto foi o que saíu trala lectura que fixo Carme da vida e obra de García Lorca.

Estupenda actuación por parte dos alumnos/-as do BiblioTea.

Hoxe, xoves, proxectamos a película Amanecer e con ela rematamos a misión en 1º A, aínda que os cadros poderán seguir disfrutando deles ata o luns.Agardamos os comentarios que os alumnos/-as receptores da misión: 1º ESO A, nos vaian facendo chegar. Mentras tanto nós xa imos preparando o traslado da misión para 1º B. Alí estará desde o martes 22.

15 de novembro día do escritor encarcelado

A organización mundial de escritores PEN celebra o 15 de noviembre o día do escritor encarcelado. Tódolos anos nesta data, escritores do mundo enteiro fan o que estea ó seu alcance (escriben artigos, dan conferenias, etc.) para divulgar a problemática dos seus colegas detivos. Cinco escritores son elixidos polo PEN como representativos da persecución contra escritores.Cada ano PEN concéntrase nun caso de cada rexión do mundo, cada un ilustra unha clase de represión diferente.

Facemos a entrada ás presas, porque non houbo tempo para máis, deixovos os enlaces que nos aportaron a información para non deixar pasar esta celebración.

Aquí podedes ver as actividades que fará o PEN català neste día. Galicia desde o 1989 e Catalunya xa desde o 1926 forman parte do PEN Club (a maior asociación de escritores do mundo)

http://anaqueles.com.ar/2007/11/da-internacional-del-escritor.html

http://www.ifex.org/international/2008/11/21/pen_conmemora_el_d_a_del_escritor/es/

Faremos unha entrada como é debido relativa a este tema en algún outro momento.

Miniconcurso de formación de usuarios

A comezos de curso tivemos durante un par de semanas a formación de usuarios/-as. Cada grupo baixou co seu profesor correspondente en horas de titorías ou clase para que se lles presentara a biblioteca do centro e o seu funcionamento.

Máis tarde, co motivo da semana da biblioteca escolar, os de 1º da ESO, que son as novas incorporacións ó centro, tiveron as Xincanas de biblioteca, nas que tiveron que poñer a proba o aprendido nas horas de formación.

Agora imos acabar facendo un minicuestionario no blog para comprobar que sabedes o básico para movervos na biblioteca. Este pode ser o comezo dunha serie por iso as preguntas son moi moi sinxeliñas.

A ver como resulta, imos aló.

Unha nova tradución da “Odisea”, ó catalán neste caso.

Fai uns días comentabamos no Club de lectura sobre “As aventuras de Ulises”, unha adaptación da “Odisea” de Homero, como xa dixemos na entrada ó repecto, e por iso esta noticia nos ven moi ó caso.

Mañá, martes día 15 preséntase en Valencia a tradución do grego do profesor Joan Francesc Mira

Profesor Joan Francesc Mira
Aquí vos deixo a tradución da páxina de “Acció Cultural del País Valencià” da que sacamos a noticia. Podedes vela picando sobre a imaxe.

Presentació de l’Odissea en versió de Joan F. Mira

19.00h

A presentación correrá a cargo de Joan Francesc Mira, escritor, antropólogo e traductor.

Presentará o acto Eliseu Climent, presidente de Acción Cultural do País Valenciano.

Homero, o autor da Ilíada e da Odisea, é o pai da literatura occidental: o principal legado literario da Antiga Grecia. Os 12000 versos da Odisea, repartidos en 24 cantos, narran as aventuras de Ulises durante o accidentado e longísimo retorno desde Troia ata Ítaca, a illa onde viven a súa dona e o seu fillo, esperándoo, ademais dun bon número de aspirantes a relevalo no trono e no leito nupcial. Episodios tan célebres como a sedución das sereas, a loita co xigante Polifemo, a visita ó mundo do máis alén, a venganza dos pretendentes ou o reencontró con Penélope fan que a Odisea sexa considerada, con toda a razón, a nai das novelas de aventuras. Unha obra mestra de todos os tempos, perfectamente estructurada, chea de beleza e moi amena.

Joan F. Mira (Valenciano, 1939) é autor dunha obra narrativa e ensaística de gran importancia, antropólogo e profesor de grego e cultura clásica. Destacou na tradución da Divina Comedia, de Dante Alighieri, e dos Evanxeos. A súa versión en hexámetros da Odisea traslada dunha maneira clara e fidel toda a grandeza, a emoción e a vivacidade narrativa do orixinal grego.

60 anos despois da versión de Carles Riba, esta nova versión catalana supón un gran acontecemento cultural  tendo en conta que o texto de Homero é a orixe da narrativa occidental e un dos fundamentos da nosa cultura.

A versión de Joan Francesc  Mira permítenos achegarnos a este clásico cun catalán rico, seguro e expresivo. Con este novo traballo, Joan Francesc  Mira asina a súa tradución das tres bases literarias da cultura occidental: a Divina Comedia, os Evanxeos e, agora, a Odisea.

Os clásicos nunca pasan de moda, por iso será que son clásicos, nonsi?

Misións pedagóxicas nas aulas de 1º da ESO

O martes día 14 imos dar comezo ás “misións pedagóxicas” deste curso. A actividade das “misións pedagóxicas” é a principal actividade do proxecto de biblioteca deste curso que leva por título “Unha biblioteca, diferentes misións”.

Entre os obxectivos desta actividade está o de facer unha lembranza ás “Misións pedagóxicas” da Segunda República, que tanto fixeron por levar a cultura e a formación ós pobos, unha lembranza que nos parece moito máis significativa nos tempos que corren.

Nós pretendemos levar a labor da biblioteca do IES Val do Tea ás aulas dos primeiros da ESO. Estes son os alumnos/-as que comezan este ano no centro, polo que esta actividade nos parece unha maneira de familiarizalos e involucralos no día a día da biblioteca escolar.

Museo Ambulante en 1º B. Misións pedagóxicas curso 2010/11. Foto do noso arquivo particular.

Os recursos que lles brindaremos ós alumnos/-as nas aulas son os xa coñecidos de anos anteriores:

“Museo Ambulante” (unha semana en cada aula) con reproducións de obras señeiras da pintura universal (Meninas, O nacemento de Venus, O matrimonio Arnolfini). Algúns deles explicaránllelos ós pequenos os alumnos/-as de Historia do Arte de 2º de Bacharelato.

“Biblioteca Ambulante” (dúas semanas en cada aula). Contamos con dúas que se irán alternando: A pista de circo e o Cofre pirata.

“Cine ambulante“. Proxección dunha película en cada aula.

No apartado de “Teatro ambulante” este ano contamos cun espectáculo de títeres a cargo do grupo BiblioTea, tamén nunha hora de clase.

O calendario das misións podedes consultalo picando aquí. Se houbese algún cambio farémolo saber tamén a través do blog.

O éxito da actividade depende non só do que se faga nas aulas e da aceptación que teña por parte do alumnado, senón tamén do seguemento que vós, o noso público virtual, lle fagades desde ese lado.

Aceptaremos gustosos os vosos comentarios, tanto se nos aplaudides, coma se nos facedes críticas que nos axuden a  mellorar.

Deixovos o slide coas fotos das misións do ano pasado. Afortunadamente non todo se perdeu co blog, conservamos imaxes no noso arquivo particular e de momento tamés esta presentación en slide (que non lle queda moito tempo)

Pero pronto teremos un gran arquivo coas imaxes deste ano. Que disfrutedes das “misións pedagóxicas para 1º da ESO” no Val do Tea.

Reunión do Club de lectura

     O luns 7 tivemos a reunión do “Club de lectura”. Faltáronnos algúns que estiveron con Esme ensaiando o espectáculo de títeres para as “misións pedagóxicas”, xa vos contaremos disto porque a piques están de comezar.

     Algúns dos asistentes non leran o libro porque disque non o había na biblioteca cando foron buscalo. Cando sexa así, hai que insistir. Se están prestados espérase a que outro o devolva e volvese a buscar. Vedes a importancia de devolver os libros no seu prazo? Pero bueno, desta vez non valen esas excusas porque houbo libros parados alí na biblioteca días antes, bastantes días antes, da reunión.

Pero aínda así, todos asistiron ó club, comeron as súas arepas, hamburguesas, ensalada de pasta. Porque xa sabedes que as reunións do club de lectura comezan por unha sesión gastronómica. Logo de encher a barriga; acompañar o postre coa escoita do poema de Kavafis na voz de Lluis LLach e a da persoal versión de Krahe, que podedes recordar no antigo anterior deste blog; sen esquecernos de para que estabamos alí, pois non comeramos “loto” ningún de nós, nin tardamos o tempo da travesía de Ulises en comer. Despois de todo iso, quen máis quen menos deu a súa opinión sobre o inxenioso Ulises, ó que algún tildou ademais de inxenioso (iso non houbo quen de negarllo), de pouco escrupuloso e trapalleiro. Valente, tamén dicía Samuel que era, aínda que nese aspecto todos coñecemos outros heroes que o superan. Pero xa sabemos o que di o dito “máis vale maña ca forza”

María quedounos impactada xa desde o comezo co episodio do cíclope, que aínda que a ela lle parecían atroces, despertaron as simpatías dalgúns. E desde logo a ninguén lle pareceu ben a conducta do heroe cando ó marchar se puxo a berrar de ovella e a rirse do cíclope xa cego. É certo que lle matara a algúns compañeiros, pero tamén é certo que lle entraron na cova con todo descaro e naide lle mandou meter o fuciño alí.

curiosidade, esa curiosidade que perde ós personaxes máis variados na tradición literaria… quen foi o que se lembrou de Pandora?, a que por culpa da súa curiosidade insaciable destapou a caixa dos males (foi Omar quen nolo recordou?)

Tamén os compañeiros de Ulises, non só por curiosidade neste caso, senón por avaricia (como apuntaba Alejandro) botaron a perder o regreso cando xa estaban cun pé na casa.

Os que mereceron menos simpatías có Cíclope foron os pretendentes de Penélope, todos os do Club vimos ben merecida a venganza.

Pero para vengativos os deuses. Como di Krahe na súa canción “con Poseidón no se juega”. Aínda que tamén os hai que axudan, menos mal, así queda a cousa máis repartida, non é Pedro?

Tamén houbo quen fixo a comparación do libro de Sutcliff, adaptación de Homero,  coa historia de Simbad o marino e mesmo co que leramos o ano pasado de Marcos Calveiro “Sari soñador de mares”   O episodio das sereas e Escila e Caribdis tamén chamaron a atención do grupo. No caso de Escila e Caribdis estendémonos un pouco na cuestión de por que Ulises elixe pasar por onda Escila: dos males sempre hai que elixir o menor.

E con todo isto foisenos pasando a hora da reunión do Club de lectura acabando coa discusión de se é Ares ou Atenea o deus/deusa da guerra, de por que esta axudaba a Ulises e as semellanzas entre heroe e deusa.

Todo isto resolvémolo ó final, e de pasada recordamos a Gerónimo Stilton, e recordamos ós Simpson… e é que ler ós clásicos, aínda que sexa adaptados, da para moito.

Despois de todo isto só dicirvos que quedamos emplazados para o luns 5 de decembro, coma sempre na biblioteca ás 14:30. A lectura sobre a que versará a reunión será “Las lágrimas del asesino” de Anne-Laure Bondoux. Xa tedes os exemplares á vosa disposición na biblioteca, e hai para todos/-as.

Ah! E os que non puidestes asistir á reunión podedes deixar as vosas opinións aquí, contestaremos con gusto ós vosos comentarios. Ata a próxima.