Reunión do Club de lectura

     O luns 7 tivemos a reunión do “Club de lectura”. Faltáronnos algúns que estiveron con Esme ensaiando o espectáculo de títeres para as “misións pedagóxicas”, xa vos contaremos disto porque a piques están de comezar.

     Algúns dos asistentes non leran o libro porque disque non o había na biblioteca cando foron buscalo. Cando sexa así, hai que insistir. Se están prestados espérase a que outro o devolva e volvese a buscar. Vedes a importancia de devolver os libros no seu prazo? Pero bueno, desta vez non valen esas excusas porque houbo libros parados alí na biblioteca días antes, bastantes días antes, da reunión.

Pero aínda así, todos asistiron ó club, comeron as súas arepas, hamburguesas, ensalada de pasta. Porque xa sabedes que as reunións do club de lectura comezan por unha sesión gastronómica. Logo de encher a barriga; acompañar o postre coa escoita do poema de Kavafis na voz de Lluis LLach e a da persoal versión de Krahe, que podedes recordar no antigo anterior deste blog; sen esquecernos de para que estabamos alí, pois non comeramos “loto” ningún de nós, nin tardamos o tempo da travesía de Ulises en comer. Despois de todo iso, quen máis quen menos deu a súa opinión sobre o inxenioso Ulises, ó que algún tildou ademais de inxenioso (iso non houbo quen de negarllo), de pouco escrupuloso e trapalleiro. Valente, tamén dicía Samuel que era, aínda que nese aspecto todos coñecemos outros heroes que o superan. Pero xa sabemos o que di o dito “máis vale maña ca forza”

María quedounos impactada xa desde o comezo co episodio do cíclope, que aínda que a ela lle parecían atroces, despertaron as simpatías dalgúns. E desde logo a ninguén lle pareceu ben a conducta do heroe cando ó marchar se puxo a berrar de ovella e a rirse do cíclope xa cego. É certo que lle matara a algúns compañeiros, pero tamén é certo que lle entraron na cova con todo descaro e naide lle mandou meter o fuciño alí.

curiosidade, esa curiosidade que perde ós personaxes máis variados na tradición literaria… quen foi o que se lembrou de Pandora?, a que por culpa da súa curiosidade insaciable destapou a caixa dos males (foi Omar quen nolo recordou?)

Tamén os compañeiros de Ulises, non só por curiosidade neste caso, senón por avaricia (como apuntaba Alejandro) botaron a perder o regreso cando xa estaban cun pé na casa.

Os que mereceron menos simpatías có Cíclope foron os pretendentes de Penélope, todos os do Club vimos ben merecida a venganza.

Pero para vengativos os deuses. Como di Krahe na súa canción “con Poseidón no se juega”. Aínda que tamén os hai que axudan, menos mal, así queda a cousa máis repartida, non é Pedro?

Tamén houbo quen fixo a comparación do libro de Sutcliff, adaptación de Homero,  coa historia de Simbad o marino e mesmo co que leramos o ano pasado de Marcos Calveiro “Sari soñador de mares”   O episodio das sereas e Escila e Caribdis tamén chamaron a atención do grupo. No caso de Escila e Caribdis estendémonos un pouco na cuestión de por que Ulises elixe pasar por onda Escila: dos males sempre hai que elixir o menor.

E con todo isto foisenos pasando a hora da reunión do Club de lectura acabando coa discusión de se é Ares ou Atenea o deus/deusa da guerra, de por que esta axudaba a Ulises e as semellanzas entre heroe e deusa.

Todo isto resolvémolo ó final, e de pasada recordamos a Gerónimo Stilton, e recordamos ós Simpson… e é que ler ós clásicos, aínda que sexa adaptados, da para moito.

Despois de todo isto só dicirvos que quedamos emplazados para o luns 5 de decembro, coma sempre na biblioteca ás 14:30. A lectura sobre a que versará a reunión será “Las lágrimas del asesino” de Anne-Laure Bondoux. Xa tedes os exemplares á vosa disposición na biblioteca, e hai para todos/-as.

Ah! E os que non puidestes asistir á reunión podedes deixar as vosas opinións aquí, contestaremos con gusto ós vosos comentarios. Ata a próxima.

Advertisements

2 thoughts on “Reunión do Club de lectura

  1. Noraboa polo blogue o polo traballo, tanto é tan pouco recoñecido.

    • Xa sabes que nisto dos blogs os comentarios xa son per se un recoñecemento, que aumentará en grao segundo quen os firme. Grazas pola visita.

Os comentarios están pechados.