Misións pedagóxicas nas aulas de 1º da ESO

O martes día 14 imos dar comezo ás “misións pedagóxicas” deste curso. A actividade das “misións pedagóxicas” é a principal actividade do proxecto de biblioteca deste curso que leva por título “Unha biblioteca, diferentes misións”.

Entre os obxectivos desta actividade está o de facer unha lembranza ás “Misións pedagóxicas” da Segunda República, que tanto fixeron por levar a cultura e a formación ós pobos, unha lembranza que nos parece moito máis significativa nos tempos que corren.

Nós pretendemos levar a labor da biblioteca do IES Val do Tea ás aulas dos primeiros da ESO. Estes son os alumnos/-as que comezan este ano no centro, polo que esta actividade nos parece unha maneira de familiarizalos e involucralos no día a día da biblioteca escolar.

Museo Ambulante en 1º B. Misións pedagóxicas curso 2010/11. Foto do noso arquivo particular.

Os recursos que lles brindaremos ós alumnos/-as nas aulas son os xa coñecidos de anos anteriores:

“Museo Ambulante” (unha semana en cada aula) con reproducións de obras señeiras da pintura universal (Meninas, O nacemento de Venus, O matrimonio Arnolfini). Algúns deles explicaránllelos ós pequenos os alumnos/-as de Historia do Arte de 2º de Bacharelato.

“Biblioteca Ambulante” (dúas semanas en cada aula). Contamos con dúas que se irán alternando: A pista de circo e o Cofre pirata.

“Cine ambulante“. Proxección dunha película en cada aula.

No apartado de “Teatro ambulante” este ano contamos cun espectáculo de títeres a cargo do grupo BiblioTea, tamén nunha hora de clase.

O calendario das misións podedes consultalo picando aquí. Se houbese algún cambio farémolo saber tamén a través do blog.

O éxito da actividade depende non só do que se faga nas aulas e da aceptación que teña por parte do alumnado, senón tamén do seguemento que vós, o noso público virtual, lle fagades desde ese lado.

Aceptaremos gustosos os vosos comentarios, tanto se nos aplaudides, coma se nos facedes críticas que nos axuden a  mellorar.

Deixovos o slide coas fotos das misións do ano pasado. Afortunadamente non todo se perdeu co blog, conservamos imaxes no noso arquivo particular e de momento tamés esta presentación en slide (que non lle queda moito tempo)

Pero pronto teremos un gran arquivo coas imaxes deste ano. Que disfrutedes das “misións pedagóxicas para 1º da ESO” no Val do Tea.

Advertisements