Recomendacións lectoras

Temos rexistrado, entre outras, tres novas adquisicións na biblioteca, que poden interesar ós compañeiros e compañeiras:

(Procedencia da imaxe)

“Do que estou a falar cando falo de correr”,  na tradución ó galego publicada por Galaxia da obra de Haruki Murakami, compra que fixemos a petición do compañeiro de Educación Física, Fernando; aínda que o título pode despistar, non é unha lectura específica e exclusiva para corredores. Na contraportada podemos ler que “o novelista reflexiona neste libro sobre o que significa para el correr e como influíu na súa maneira de escribir. Os adestramentos diarios, a súa paixón pola música, a conciencia do paso do tempo, os lugares aos que viaxa, acompáñano nun relato no que escribir e correr se converten nun xeito de vida”.

A que subscribe, que leu o libro, considérao unha lectura de reflexión sobre a vida “sen máis” e “con todo”, se se me permite este enxendro léxico-sintáctico.

(Procedencia da imaxe)

“La sala de profesores” do alemán Markus Orths publicado por Seix Barral.  Na contraportada deste libro podemos ler entre outras cousas que esta novela, bestseller e galardoada con varios premios, “é a novela máis importante de Markus Orths, un dos mellores autores da nova xeración das letras alemanas. É un relato sorprendente sobre o controvertido tema da educación, unha historia aparentemente fantástica que, non obstante, a miúdo, recorda demasiado á realidade”.

A que subscribe, que tamén a leu, recoméndavola se estades preparados para unha boa dose de ironía e incluso sarcasmo. Igual neste caso si hai que dicir que se non estás habitualmente nunha sala de profesores ou, cando menos, se non estiveches algunha vez inmerso nese ambiente, igual non aprecias toda a carga crítica e irónica que destila. Nos diferentes comentarios poñen a novela coma unha sátira divertida, salvaxe, comparable ó humor anárquico dos Monty Python… en todo caso, ás veces costa dilucir se é máis salvaxe ca divertida ou viceversa. Igual ós que estamos nisto da ensinanza non nos parece tan divertida. Picando aquí tedes o enlace a un blog no que podedes ler outra opinión sobre a novela. Pero, lédea e facédevos a vosa opinión, despois, se queredes, poñédea nos comentarios.

Do mesmo autor tedes un fragmento doutra obra súa “La Camarera” picando aquí.

A última recomendación de hoxe é “Jo confesso”, do catalán Jaume Cabré, na edición castelán de Destino. Andrea Camilleri di desta obra “Absolutamente cautivador”.  Efectivamente ten un argumento que engancha, pero coidado con deixarse perder polo seguemento do argumento, porque vai máis alá dun argumento intrigante, hai todo un desplegue de técnica literaria e erudición en diferentes ámbitos, así como unha reflexión sobre o devir da historia. É unha obra que ten moi boas críticas en xeral, aínda que en particular, xa escoitei algunhas non tan boas no sentido de que as cáseque 900 páxinas podían ser reducidas en parte se non lle dese tantas voltas á trama. En todo caso, se vos serve de algo a opinión da que subscribe, sen estar en desacordo con estas pegas, no momento de lelo (unha semana de intensa lectura) non foi iso o que máis me chamou a atención. Eu poñeríao como altamente recomendable, iso si, se tedes tempo para sumerxirvos na lectura, porque repito, son cáseque 900 intensas páxinas.

 

Advertisements