Crispín d’Olot, tú sí que vales (pero nós xa o sabiamos)

Un ano máis no Val do Tea contamos onte coa presenza do xograr Crispín d’Olot.

Sempre é un pracer asistir a un  espectáculo seu, pero a isto sumábase desta vez o feito de que nos presentase un espectáculo novo: “DE FÁBULA”. E póñoo así porque ese é o título e ese é o cualificativo que merece: fabuloso!!! complementado  co “Instrumentalia” que mereceu sonoros aplausos.

Telo en directo no Val do Tea, mentres os seus innumerables fans esperaban ansiosos a emisión do “Tú si que vales”, tamén tivo o seu aquel.

Fíxonos un percorrido pola fábula, a adiviña e o microrrelato que se nos pasou a unha velocidade  vertixinosa, case tanta coma a velocidade á que recitou o trabalinguas do moro, o mico e o señor de Puerto Rico no programa televisivo (por certo, entenderíano integramente todos os membros do xurado?)

Xa noutras ocasións fixemos alusións non só ó bon facer de Crispín, senón tamén á súa capacidade de traballo.

Resulta fácil ver o resultado final sobre o escenario, resulta fácil e é ameno, pero os que o coñecemos algo (e despois de tres anos recibíndoo no noso centro coa expectación da primeira vez, xa o imos coñendo un pouco) sabemos  tamén das horas de traballo que hai detrás de todo isto, un traballo que a todopoderosa televisión nos amosa coma se xurdise por arte de maxia, pero que vén de moi longo (sería pertinente aludir aquí ó ars longa, vita brevis, que diría un latinista?). Si é pertinente citar que andou acertado Risto ó intentar averiguar de onde vén iso que el  fai, cales son as súas orixes e como decide facer da súa arte a súa vida. 

Pero máis acertado aínda andou o trobador ó contestarlle sen contestarlle (nin que fora galego) algo que parece que puxo algo nervioso ó “gran oráculo ristiano” porque non quixo facer máis preguntas, non fora que o “vapuleador” saíra  desta vez vapuleado: bravo por Crispín!

Por se non quedou claro, todo iso xorde de anos de traballo, esforzo, paciencia e talento que, finalmente, dan o seu froito no recoñecemento  do público, señor Risto. E iso o público sábeo sen necesidade de preguntalo, por iso rin, rinse de vostede que necesita preguntar para saber. En todo caso vostede fai o seu papel e o trobador vive o seu personaxe, de aí a autencidade da súa arte.

Quen consegue manter interesados durante 90 minutos a máis de cen alumnos/-as de 1º e 2º de ESO, consegue a súa interacción por momentos no espectáculo e  faino de xeito que non se “desmadren”, salvo ó final cando xa os aplausos son irrefrenables e os gritos de “Tú sí que vales” son de verdade e saen espontaneamente, ese (e ese é Crispín d’Olot) ESE sí que vale.

Por todo isto, rematamos cun “Moitas grazas, Crispín. Tú sí que vales, pero nós xa o sabíamos desde a primeira vez que te vimos actuar. E agora… que se entere todo o mundo”.

Ata o ano que vén.

Advertisements

One thought on “Crispín d’Olot, tú sí que vales (pero nós xa o sabiamos)

  1. A verdade e que crispin no instituto estivo moi ben, e en “TU SI QUE VALES” fixoo senial, el merece pasar a final como pasou xa que detras de todas a as actuacions hai un gran traballo, ata cando viaxa no coche vai repasando todo o seu repertorio. CRISPIN, SEN DUBIDA ALGUNHA: ¡¡¡TI SI QUE VALES!!!!

Os comentarios están pechados.