Ao mestre Emili Teixidor in memoriam

O martes 19 de xuño finou Emili Teixidor, mestre, periodista e escritor, como o definen algúns medios.

Desde o noso blog queremos facer unha pequena homenaxe ó mestre, periodista, escritor, guionista, pero sobre todo á persoa que foi Emili Teixidor.

Efectivamente foi mestre e pedagogo. Unha obra clave para calquera persoa que traballe no ámbito das bibliotecas é La lectura i la vida. (“Sense la literatura no seríem el que som. No seríem humans”). Nesta obra de referencia E. Teixidor fai entre outras cousas un alegato en favor da lectura non só coma un pracer, senón como unha forma de entender mellor o mundo, de enfrontarnos ás nosas emocións, madurar e realizarnos coma persoas. Neste libro reúnense reflexións sobre a incitación á lectura, o sentido da literatura xuvenil e os libros de referencia para calquera adolescente.

Foi escritor de literatura infantil e xuvenil, na que se estreou no 1967 coa obra “Les rates malaltes”, acadou diversos galardóns entre eles o Premio Nacional del Ministerio de Cultura de literatura infantil y juvenil (1997) coa obra L’amiga més amiga de la formiga Piga. A formiga Piga, é un dos seus persoaxes entrañables, hai toda unha serie dedicada ás súas aventuras.

L’ocell de foc é outro referente na súa obra para xóvenes. Esta é unha novela histórica ambientada na época feudal, que trata o tema dos xograres. Persoalmente é unha das miñas favoritas, e mágoa que non teñamos  tradución ó galego, pois, aínda que ambientada en Cataluña o tema xograresco tócanos moi de preto por estes lares.

En realidade, hai moi pouca obra de Teixidor en galego, pese á gran extensión desta en català. Hai  traducións ó castelán, e algunha que outra ó francés, grego, italiano e portugués.

En galego temos “Pan negro”, grazas á tradución que publicou no 2011 Eduard del Castillo Velasco coa colaboración da Fundación Vicente Risco. Esta foi a obra que o popularizou ó facer a adaptación dela ó cine Agustí Villaronga. Aínda que a película recolle motivos doutras obras de Teixidor coma “O retrato do asasino de paxaros” que tamén ten moito peso na adaptación ó cinema.

Emili Teixidor iniciouse na literatura para adultos no 1979 coa obra “Sic trànsit Glòria Swanson“, galardoada co premio  Crítica Serra d’Or de narrativa. Das últimas obras para adultos é “Els convidats” do 2010, novela na que volve ó mundo de “Pa negre”.

A foto coa que ilustramos a entrada foi tomada fai cáseque un ano, nas II Xornadas da Escola de Verán de literatura infantil e xuvenil celebradas na segunda semana de xullo no monasterio de Montserrat. A Universidade de Vic concedeulle o doctorado Honoris Causa a comezos deste ano.

Emili Teixidor sempre fixo unha defensa das humanidades e da cultura, co tono educado que o caracterizaba, pero sempre contundente. De persoas así andamos escasos nestes tempos, polo que a súa partida nos apena aínda máis se cabe.

Pechamos esta entrada cunha entrevista que lle fixeron na TV3, está en català, pero quedaivos coa resposta á primeira pregunta que lle fai o presentador:

http://www.tv3.cat/3alacarta/#/videos/466589

“-Cal é a primeira receta máxica para atraernos á lectura?

-A primeira receta é que non hai recetas máxicas, que todos son intentos, aproximacións,  pero se tivese que dicir algunha sería que a persoa que pretende unha destas recetas, a aplique porque normalmente todos nos preocupamos moito da pouca lectura, da falta de lectura dos outros, dos xoves sobre todo, pero non se fala nunca da dos maiores, de maneira que quizáis comezando os maiores, logos os xoves xa seguirán.”

Emili Teixidor (Roda de Ter, 22 de decembro do1933-Barcelona, 19 de xuño do 2012)

Si, mestre, predicando co exemplo.

Advertisements

2 thoughts on “Ao mestre Emili Teixidor in memoriam

  1. Molt emotiu aquest comiat que li dediqueu al gran mestre Teixidor. Des de Catalunya ens emociona encara més, veure que aquests reconeixements ens vénen també des de fora. És evident que la figura d’aquest gran escriptor va més enllà de països i fronteres i ens uneix a tots a través de la seva gran literatura.
    El continuarem llegint i així el continuarem recordant!
    Anna

Os comentarios están pechados.