Ruta do Xabriña

O día 4 de outubro un grupo de pais, profes e alumno/as do IES Val do Tea participaron nunha excursión ao monte coa intención de realizar unha camiñada polas marxes do río Xabriña, unha paraxe natural de elevado valor ecolóxico.

O punto de partida foi a aldea de Paraños. Aquí tivemos a oportunidade de coñecer o funcionamento dun dos escasos lagares de cera existentes na Península e entrar en contacto cunha actividade que gozou dun desenvolvemento moi significativo ata mediados do s. XX.

Lolo, o responsable do Centro de Interpretación da Cerería, púxonos en contacto coas fases do proceso e cos instrumentos que nel interveñen: a caldeira para o derretido dos favos , o taco e o chapuzo para a prensa , as pías para o arrefriado e decantado, as eiras de blanqueado, o procedemento para o lascado…

xabriña1
Lagar do Tío Bernardo.

xabriña2

xabriña3

xabriña4
No exterior, e baixo a mirada curiosa dunhas convidadas imprevistas, explicounos como se trataba a cera nas eiras de branqueado.

Eira de branqueado.

xabriña5

Logo visitamos o Centro de Interpretación no que asistimos a unha demostración práctica da fabricación de velas e exvotos, na que interveñen as pailas (para o derretido) a roda da que se penduraban os pábilos, o bruñidor e a talladeira para o acabado das velas… Lolo cóntanos como cada cereiro tiña un selo para identificar a súa produción, que permitía tamén de controlala e evitar fraudes. Control que se eludía coa fabricación en A e en B: parece ser que non hai nada novo baixo o sol. En todo caso, a introdución sistemática da parafina na fabricación de velas supuxo a morte da ceraría artesanal.

xabriña6

xabriña7xabriña8

Aquí aprendemos tamén a diferenza entre apicultura fixista (con panais fixos integrados no recipiente, xeralmente de cortiza) e mobilista (con panais móbiles ou extraíbles); e soubemos dos perigos (a varroa, as avespas asiáticas), que ameazan a supervivencia da nosa Apis mellífera. Unha curiosidade: o nerviosismo co que a abella autóctona reacciona fronte ao ataque das asiáticas provoca a alteración das súas funcións e facilita a invasión e destrución das colmeas. Iso ameaza a supervivencia da especie autóctona; algo que se debería evitar, pois, como un día dixo Einstein, se as abellas desaparecesen do planeta, a humanidade non tardaría en facelo, tan importantes son para a nosa supervivencia.

xabriña9

Acompañados dun responsable da Comunidade de Montes, Sendín, iniciamos a marcha pola marxe do río Xabriña, con paradas nos numerosos muíños que puntúan o seu curso: muíños na súa meirande parte coas cubertas derruídas e as paredes tapizadas de musgo, que dan testemuño dunha actividade que foi vital na vida das poboacións rurais e que hoxe restan como pantasmas mudas, contribuíndo á sensación de estar nun lugar máxico, fóra do tempo.

xabriña10xabriña11

Algúns destes muíños foron restaurados, e nun deles o noso guía fíxonos unha demostración do proceso da moenda: o millo, depositado na adella, cae no oco da moa e cóase entre esta e o pé para acabar transformado en fariña muda, coa axuda indispensable do rodicio, a cruz, a guxa, a segorella… colaborando no empurre da auga. Palabras fermosas para unha fermosa acción: aquela que permite converter o sol e a auga que alimentaron o gran en fariña, en pan, en liberdade…

xabriña12

xabriña13
O noso compañeiro Pablo, que anda á procura dun insecto característico desta zona, o Carabus Galicianus…
Insecto, coleóptero endémico do noroeste peninsular,  que non se deixa ver facilmente xa que gusta andar preto dos ríos, pero en zonas sombrías e de moita vexetación, e sobre todo pola noite.

xabriña14
O seu recoñecemento,  unha vez que se ve,  é doado xa que ten os fémures de cor laranxa,  que contrastan co corpo entre azul e negro. Por certo  o corpo por arriba é acanalado. Por outra parte non é pequeno xa que mide  sobre 2, 4 cms. Os machos son mais pequenos.Habitan as canles de ríos de augas limpas. É, polo tanto, un bioindicador da calidade dos ríos.
Está presente en toda Galicia, Asturias, León, Zamora  e norte de Portugal.
…acaba descubrindo, nas pedras que rodean o rodicio dun muíño, unha mostra dun especial musgo luminiscent.

Schistostega pennata, este é o nome científico da moi singular e vulnerabel carriza luminosa (musgo luminoso). Tamén chamada musgo dos trasgos.Esta rareza botánica aparece documentada por primeira vez en 1921, por Casares Gil , na entrada dunha mina do Incio.

xabriña15

Presente en moi poucos lugares do norte da Península, entre eles, e de xeito especial, en Galicia, só se pode atopar lugares moi protexidos da luz como covas e minas. A súa fraxilidade fai que estea na lista vermella das especies ameazadas. De aí a importancia de respectar e protexer os seus hábitats, evitar tocala e ser conscientes do elevado valor ecolóxico deste tesouro luminiscente.

xabriña16
Unha pequena parada para repór forzas no Roupeiro. Retomamos a marcha por unha alfombra de follas mortas.

xabriña17xabriña18xabriña19

Unha intrépida ollada ao Pozo do demo.

Micoloxía impúdica.

xabriña21

xabriña22

Clases de micoloxía.

xabriña23xabriña24

E a beleza que non cesa…

xabriña25

Según Xoán Carlos, a arte é unha forma de intensificar e ampliar a experiencia. Camiñar por este lugar, que garda o susurro e a memoria de raíces que se alongan, de troncos que se encarnan e se elevan, de pólas que se estenden, de flores que se abren, de follas que nacen, viven nun derroche de sol e luz e morren fatigadas e felices; un lugar que no seu seo garda cantos de aves namoradas, murmurios de polémicas acuáticas, sombras e luz; camiñar por este lugar, digo, tamén intensifica e amplía a experiencia de vivir. Converte a experiencia nunha emoción estética.

Por todo isto, grazas aos que a fixeron posible a experiencia e aos que a compartiron connosco. Repetiremos, seguro!!!