VISITA DE MARÍA REIMÓNDEZ AO CLUB DE LECTURA IES VAL DO TEA

O pasado día 11 de maio estivo no noso centro a escritora María Reimóndez, para unha charla co alumnado que participa no noso club de lectura

20160511_142720.

O obxectivo de partida era que rapaces e rapazas puidesen formularlle á autora cuestións sobre Caderno de bitácora, un dos varios libros propostos para a súa lectura por parte dos integrantes do club. Debo recoñecer que a proposta deste libro foi un pouco irreflexiva, apremada como estaba por ofrecer unha listaxe previa e guiada pola aparente historia de ciencia ficción que contiña, o que nos ía moi ben, tendo en conta que o fío condutor do club era a literatura de ciencia ficción escrita por mulleres.

20160511_142714

En realidade, Caderno de Bitácora non é un libro de ciencia ficción strictu sensu, pois detrás desa viaxe intergaláctica que a protagonista realiza, ao cargo de variadas misións espaciais, agóchase unha historia na que quedan de manifesto as cuestións que percorren toda a obra desta narradora comprometida, tanto a nivel literario como persoal: o ecoloxismo, as dificultades para conciliar vida sentimental e a independencia persoal, a solidariedade cos máis desfavorecidos, o compromiso coa cultura galega, a denuncia dun sistema patriarcal dentro e fóra das nosas fronteiras,…

20160511_130237

O alumnado tivo ocasión de que María aclarase algunha das dúbidas xurdidas durante a lectura desta obra, que nalgúns casos ofrecera dificultades de interpretación. Un alumnado que estivo moi participativo súas cuestións tanto sobre á forma (Por que botou man dunha linguaxe tan poética? Por que non usaba maiúsculas? ) como sobre contido ( Que significaban os sistemas bipolares? Que representaba Calanda? A que se dedicaba realmente o mariñeiro s ? ). Tamén foron críticos, pois houbo a quen lle pareceu que a historia ficaba demasiado escurecida, que o estilo afogaba ás veces a mensaxe…). E a autora foi respondendo a todo, dende unha proximidade franca, humana.

20160511_130256

E axiña a conversa se ía ampliar a outros títulos da autora: O club da calceta, En vías de extinción (defensa da diversidade), Moda galega (a moda como unha forma de maltrato á muller) , Dende o conflito ( unha reporteira de guerra, Saínza, que debe afrontar en primeira liña os horrores da guerra) ou a recentemente publicada A dúbida.

A autora tamén nos revelou que algúns dos últimos títulos publicados, e outros que ten en mente, son como pequenas teselas que pretenden conformar un mosaico revelador do sentido último das historias entretecidas neles. E tivo a xentileza de propornos unha serie de títulos nos que son os protagonistas da historia, en tantos países maltratados e esquecidos, os que proporcionan a súa propia visión dunha realidade a miúdo deformada pola distancia, o descoñecemento ou, o que sería moito máis grave, intereses pouco respectables.

20160511_142734

En definitiva, nesta charla informal e directa coa autora, o noso alumnado amosou unha madureza que evidencia que contamos no club de lectura con rapaces e rapazas moi interesados na lectura e cunha gran sensibilidade literaria. O que reforza a vontade de manter o club de lectura coma un espazo privilexiado para o encontro do alumnado coas obras, especialmente cando se conta con profesorado entregado á causa (Paco, Xulia, Afonso, Rebeca…), como ocorreu neste curso, con mención especial para Esme, que pon corazón, entusiasmo e entrega en todo aquilo no que participa. Grazas a todos vós (alumnos/as e profes) por facelo posible.

Advertisements