O lado feminino da ciencia

Este ano organizamos unha exposición recordando algunhas autoras científicas, normalmente menos coñecidas cós homes que se ocuparon dos mesmos temas. Para un varrido histórico de mulleres científicas exemplares elaborado para a exposición no centro, da antigüidade ao presente, da importancia mundial á española e galega, ir aquí.

Así, na historia da ciencia dominaron os nomes masculinos, pero a ciencia tende a incorporar descubridoras igualando ou superando a aqueles. Así e todo houbo moitas mulleres que fixeron importantes achegas científicas, sobre todo nos últimos séculos, en paralelo á histórica ganancia de dereitos das mulleres e hoxe en día considéranse equiparados en case todos os ámbitos, porque tampouco estamos exentos de discriminación. Neste senso, ao ver os datos, reedítanse vellos tópicos machistas como se a menstruación inflúe, agora na polémica da computación. Pois a pesar de Ada Lovelace e Hedy Lamarr, entre outras, a ver se atopas a liña na que a porcentaxe de graos universitarios concedidos a mulleres baixa claramente e nunca chegou ao 50 %.

Así, para demostrar a universalidade da ciencia feminina, queremos propoñerche aquí un percorrido por catro imaxes de descubrimentos en catro áreas científico-tecnolóxicas diferentes. Deixemos que falen as súas obras. Tan só unha das mulleres homenaxeadas forma parte da exposicón arriba ligada, a ver se a atopas:

Xeoloxía, Química, Bioloxía e Física matemática

Xeoloxía: Tectónica de Placas

 

Heezen-Tharp North Atlantic Ocean Map

Mapa dos fondos do Atlántico Norte, Tharp & Heezen, 1968

Este mapa é unha imaxe que debemos á experta man e minucioso traballo de Marie Tharp, xeóloga, matemática e delineante estadounidense que en colaboración co xeólogo Bruce C. Heezen, que obtiña os datos dende o buque de observación topográfica Vema, realizou o primeiro mapa completo dos fondos oceánicos do Atlántico en 1957, despois dunha prospección inicial do exército para atopar avións afundidos durante a II Guerra Mundial. Máis tarde, en colaboración con outras institucións europeas, completaría o mapa mundial dos fondos oceánicos.

Química: Bioquímica

Estrutura tridimensional do antibiótico penicilina. Representación moderna pubchem.ncbi.nlm.nih.gov

Estrutura tridimensional da vitamina B12. Representación moderna whoi.edu

 

A estrutura tridimensional de moléculas tan importantes para a bioloxía e a medicina coma o colesterol, penicilina (famosa por ter salvado millóns de vidas), vitamina B12 e insulina, debémoslla á labor da bioquímica británica  Dorothy C. Hodgkin, que ademais foi a primeira en desenvolver a técnica da cristalografía de moléculas orgánicas para a súa análise con raios X nos anos 30 (coma a realizada pola súa contemporánea Rosalind Franklin para a estrutura do ADN anos máis tarde).

 

Bioloxía: Zooloxía

 

Merian_Metamorphosis_LX.jpg

Lámina 60 das Metamorfoses dos Insectos de Surinam, por M.S. Merian, 1705

Un paso clave na vida de moitos insectos é a crisálida na metamorfose “completa” (holometábola). Isto distraeu a atención de moitos estudosos da natureza do século XVII que incluso imaxinaron a xeración espontánea e consideraban especies diferentes a larva e o imago ou adulto. O primeiro en corrixir esa confusión mediante a experimentación, especialmente en moscas, foi Francesco Redi. Pero debemos a Maria Sibyllah Merian a extensión dese estudo tanto en número de especies como en área: de Europa a América. O ciclo dos insectos e o descubrimento da frecuente especificidade das súas plantas nutricias. Nesta ilustración, a última do seu derradeiro libro, sobre a fauna de Surinam, vemos unha bolboreta bufo (Caligo idomeneus) e a súa crisálida sobre a planta  Aphelandra deppeana, acompañados dun himenóptero sen identificar e dunha eiruga de bolboreta nocturna Saturniidae.

 

Física Matemática

 

taza-rosquilla Noether

Conversión topolóxica dun toro (~rosquilla) nunha taza mugget.

 

O teorema de Noether permite demostrar matematicamente cómo calquera simetría nun sistema físico é conservada durante a súa evolución temporal, é dicir, demostra por qué existen as leis de conservación aplicadas a calquera sistema físico. Ese teorema permitiu progresar a xa formulada teoría da relatividade e permitiu numerosas aplicacións en Física e Matemáticas, como na topoloxía de formas que conservan a simetría na transformación. Un exemplo moi divulgado foi a transformación topolóxica entre rosquilla e a taza (ver ilustración).
A matemática alemana Emmy Noether, contemporánea e compatriota de Albert Einstein comezara a súa carreira analizando os invariantes alxebraicos e diferenciais e continuou as súas investigacións para dar coa relación das leis de conservación na física no seu teorema, logro que un Einstein que acababa de publicar a súa teoría da relatividade xeral recoñeceu crucial para desenvolver a Física teórica.

 

 

 

 

 

Advertisements