As matriarcas do futuro

Onte pola mañá un grupo de alumnas de Literatura Universal (serán tamén Mulleres de ollos grandes, coma as protagonistas dos contos de Ángeles Mastreta) xuntáronse no eirado, ao abeiro, da ameixeira vermella (ben pode metáfora das mulleres que se empeñaron en deixarnos flores, a pesar de que nos quedan aínda moitas por conquistar!!!) para lernos uns poemas que reivindican a forza e loita, silenciosa, en moitos casos, de mulleres cotiás.

 

Algúns dos poemas lidos foron, entre outros  “A xustiza pola man” de Rosalía de Castro, ou o poema ás mulleres labregas (tan esquecidas sempre!!) de Manuel María:

As mulleres galegas -labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-
non foron cantadas
polos poetas cultos e premiados,
pechados nas súas torres de almasí:
eles, tan sensibles, non podían
adicarlles rondós e madrigales,
sonetos perfetísimos
a donas que falan en galego,
que son a forza do pobo,
porque non teñen xeitos requintados,
deprendidos en colexos elegantes,
nin vestidos fermosos,
nin frases retorneadas
– nunca foron á escola,
nin alternaron tampouco en sociedade –
i as súas maus non se semellan
ás azas dos paxaros,
nin teñen soavidades de veludo:
están encallecidas polo traballo,
son duras como as pedras,
só tenras pro garimo,
con soavidades de mel
pra perdoar e comprender,
pra sementar tenrura e máis amor,
pra arrincar odios.
Remol, 1970
Pechou o acto a lectura de “Matriracas“, de Guadi Galego.

Estas son as futuras mulleres galegas (oxalá que conserven a forza das “Labregas bergantiñanas” ás que canta
Sés) e que manteñan sempre vivo o seu espíritu activista.

Moitas grazas Uxía Bouza, Uxía Casal, Alba Gándara, Alba Pereira, Sheila Núñez, Lía Diéguez, Elisa Gómez e Tamara Pérez,  polos ollos grandes de mirada limpa e combativa!!!!!!

E tamén a ti, Xoán Carlos, polo fermoso cartaz que sostivo as voces das lectoras e que esconde as de moitas outras mulleres que tamén loitan por = é +.

Ollo! Estade atentos e atentas aos carteis dos corredores! Temos moito que cambiar aínda!

Advertisements