Benvidos e benvidas ó novo curso 2012/13

Desde o blog de biblioteca dámosvos a benvida a todos e a todas.

Estamos comezando o curso e poñéndonos a funcionar na biblioteca. Este ano temos algunhas novidades destacables:

Por un lado, cambio de coordinador: Xoan Carlos Fernández Ameal, profesor de debuxo exercerá este ano como coordinador, polo tanto para calquera dúbida poñédevos en contacto con el. Estade atentos ós carteis porque proximamente fará unha reunión do grupo de colaborades “BiblioTea”.

Por outro lado, non cambiamos senón que engadimos: temos un novo blog exclusivo para o Club de lectura. Este ano “guiarán” este club de lectura Esmeralda Quiroga e Adelia Troncoso. O proxecto do club é “A volta ao mundo en 8 libros” e toda a información sobre o mesmo atoparédela puntualmente no Blog do Club de lectura BiblioTea.

Recordados estes cambios, só recomendarvos que sigades facendo bo uso da biblioteca. Bon curso e boas lecturas.

No club de lectura acabamos “facendo libros con versos” ( e con bicos)

O pasado luns 4 de xuño despedimos o club de lectura cun obradoiro poéticamente correcto.  Aprendeunos Eva Cabo, artesana do cartón e editora,  a facer cadernos con cartón e con material de refugallo. Con cubertas de cartón intervidas artisticamente polos asistentes pasamos a mediodía do luns. Velaquí unha mostra do proceso de elaboración e do resultado final. Non podemos dicir Micky Mause, pero si: longa vida ao cartón e aos libros!

 

      ( Eva explica como deben empezar a traballar e Samuel fíase do criterio de Pedro)

 

( E o obradoiro xa está en marcha. Unha espiral de cartón, de versos e pintura)

                                          ( Os luns ao sol e as libretas a secar…)

                                                                ( Buscamos versos…)

                                                                      ( … e atopámolos)

( El que la sigue la consigue, ás veces, todo hai que dicilo. E conseguimos facer varias libretas de cartón e poesía)

Moitas grazas, Eva, por amosarnos o que sabes facer!

” Meu avó era xastre

e por iso fixo

un mundo á súa medida”

Eva Cabo, poeta

 

Unha rosa é unha rosa: pétalo a pétalo

O luns 5 de marzo tivemos a xuntanza do Club de lectura. Lemos Unha rosa é unha rosa de Suso de Toro.

Ainda que non estiveron todos os asistentes habituais a obriña deu de si. Moitos dos rapaces nunca leran teatro, viran teatro, pero non leran. Por iso comentamos as peculiaridades do xénero como texto literario. Explicado isto, comezamos polo principio: polo título. E, para facelo desfixemos o primeiro pétalo da rosa co poema de Gertrude Stein “Unha rosa é unha rosa”.

Una rosa es una rosa es una rosa es una rosa
Yo soy Rosa mis ojos son azules
yo soy Rosa quién eres tú
yo soy Rosa y cuando canto
yo soy Rosa como toda cosa.

O que é , é, e non hai maneira de cambialo. Démoslle voltas a se ese sería o sentido ou non do título da obra. A subtítulo tampouco nos quedou claro. O do medo era unha ironía, claro está. ( Na comedia, xa sabedes, “pasan ironías!”).

Despois, seguimos tirando de rosas e escoitamos a canción de Mecano “Una rosa es una rosa”. Desfixemos o segundo pétalo.

Terceiro pétalo, vimos fragmentos da obra de teatro.

Comparamos a imaxe que tiñamos nós dos personaxes coa que nos amosou Teatro do Noroeste.  Non nos cadraba o que imaxinamos co que vimos.

No que si coincidimos todos foi na elección das escenas que máis nos fixeron rir: o momento no que se prepara o asesinato “a dúas bandas” (por un lado, Pololo e Adela, e, por outro Foncho e Puri).  Outro momento que tamén nos gustou foi cando Rosiña Vella “entra” en Rosiña  Rosiña e fai que esta reaccione. Isto supón a posibilidade de poder vingarse para a primeira,e a liberación para a moza Rosiña.

Cuarto pétalo ( ainda que un pouco forzado).  Dunha rosa pasamos a outra: El nombre de la rosa. Xa que lemos unha comedia, fixemos unha parada ( pequena) no libro que escribiu Aristóteles sobre a comedia e dos crimes que se cometeron no seu nome.Dunha rosa sacamos catro.

Se queredes ler máis comedias podedes botarlle un ollo a esta guía de lectura.

Todas as obras que se citan na guía están na biblioteca ( e algunha máis).  Tédelas xa preparadas ( para que as levedes sen ter que buscalas) na mesa que hai ao lado do expositor de novidades.

A próxima cita é o vindeiro luns lectivo de abril. E será con Mafalda.

Xuntanza do club arredor das confesións de Carlota Doyle

Fomos chegando aos poucos, pero chegamos, e ao final houbo quorum. A xuntanza foise desenvolvendo entre risas, parrafeos e intercambios de opinión a boca chea, e o que máis e o que menos participou animadamente da conversa, que non sempre versou sobre o libro en cuestión. Como aperitivo e mais sobremesa comemos galletas mariñeiras ou pan de barco, para írmonos ambientando na trama dunha novela de aventuras á vella usanza, cun forte ritmo narrativo e cuns personaxes ben definidos. Un libro dos que chaman por ti na mesa de noite. A sinopse da contracuberta reza o seguinte:

Carlota é unha rapaza de trece anos que emprende unha viaxe desde Liverpool
(Inglaterra) ata Providence (Estados Unidos) a bordo do Seahawk, un enigmático barco
gobernado polo capitán Jaggery no que moi poucos mariñeiros se queren enrolar. Carlota
Doyle nunca poderá prever os terribles sucesos dos que vai ser protagonista e que transformarán por completo a súa vida.

Xa cos bandullos satisfeitos, visualizamos unha presentación sobre a obra e fomos comentando aspectos e curiosidades que nos levaron ao peche da reunión, non sen antes recoller os restos do xantar.

Unha boa maneira, sen dúbida, de comezar o ano.

Reunión Club de lectura

Ola a todas e todos. Retomamos as actividades da biblioteca neste segundo trimestre a punto de comezar e facémolo coa REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA, coma sempre o primeiro luns lectivo do mes.

Recordámosvolo por se, despois de tanta festa, alguén anda despistado.

Luns 9, ás 14:25 quedamos a comer o bocata no instituto e a intercambiar impresións sobre a lectura de “As confesións de Carlota Doyle”. Supoño que xa todos/as o tedes lido, se non é así, aproveitade a finde para rematalo.

Vémonos o luns. Bon 2012!!!

Las lágrimas del asesino, un libro “raro”

O pasado luns 5 de decembro tivemos a xuntanza do club de lectura para poñer en común o que deixou en nós esa novela.

Estabamos os de sempre e tamén Elisa ( antiga alumna que veu compartir connosco non bocata, pero si lectura). Hemos dicir que o adxectivo que mellor califica á novela é o de “rara”. Pedro foi o primeiro en dicilo, mais todos e todas se sumaron de contado. A “rareza” reside, sobre todo, no feito de que os protagonistas da novela son un asasino, Ángel Alegría, e un rapaz, Paolo. E que establecen entre eles unha relación de cariño e aprendizaxe moi profunda. Iso xa é, canto menos, curioso.

Outros calificativos que tamén se sentaron ” á mesa” da novela foron o de triste (comentábano María e máis Viana), a pesar de que hai un optimismo latente que percorre a novela ( esta xa é unha apreciación subxectiva da redactora desta crónica ). E de medo. Todos insistiron en que se trataba dun medo máis ben “íntimo”, un medo de adentro, ese que debe de supoñer coñecer a un asasino e ver que tamén ten zonas de luz. As que lle regalou Paolo ( segundo Elisa). Tamén falamos da intriga que hai na obra. Mantense, certamente, nas persecucións dos protagonistas (cando Paolo escapa e Ángel Alegría sae buscalo) ou no personaxe de Delia. Hai, polo tanto, medo e intriga, pero tamén é unha novela de amor, non só o “de parella” que xorde entre Luis e Delia, senón o que se vai fraguando entre Ángel e Paolo ( que decide, nun momento dado deixar a Paolo co leñador_ personaxe que nos gustou a moitas, por certo_ ao decatarse, de que el xa non podía ofrecerlle máis ao rapaz). Tamén amor é o que se establece entre Paolo e Luis. Os maiores chegan incluso a sentir ciumes un do outro.E, se hai algo que está implícito no amor son as metamorfoses.

” Hay metamorfosis muy dicretas- prosiguió el leñador_. Las que tienen lugar en nuestra alma, por ejemplo, no siempre son visibles.”

Todos os personaxes están a vivir metamorfoses.. Asistimos a moitas pero, tal vez, a máis poderosa sexa a que “obrou” Paolo en Ángel( comentaba Elisa).

Non nos pasou desapercibida a paisaxe. Tratase dun espazo moi simbólico que pode ser espello do que están a vivir os personaxes. Velaquí un fragmento da novela que reflicte esa paisaxe desacougante e incerta da Patagonia chilena, cerca de Magallanes. Se puidesemos mirar as almas dos protagonistas é probable que tamén atoparamos unha paisaxe así, desoladora e fermosa. Nesa paisaxe rocosa e hostil ocurriu a miragre de que varios seres se comprenderan e se enriquecesen.

” Aquí nadie llegaba por casualidad. Porque esto era el fin del mundo, el extremo sur de Chile, la recoratada costa que bordea las frías aguas del Pacífico.
En esta zona todo era tan duro, tan desolador, era tal el azote del viento, que se diría que sufráin hasta las piedras. Sin embargo, justo antes del desierto y del mar, se alzaba una estrecha construcción de muros grises: era la granja de los Poloverdo. (…)”

” (…) El decorado no había cambiado. Era siempre el mismo paisaje rocoso, hostil. Las piedras del camino, las rocas horadando el suelo, el vasto desierto aplastado por el cielo, batido por el viento, azotado por las lluvias, ese jirón de Chile en que los hombres deben luchar para mantenerse en pie. (…)”

E ben, se Paolo descubriu a poesía con Luis , nós tamén quixemos achegarnos ao Neruda máis coñecido, o do amor. Velaquí o terceto que aparece na novela:

Mi corazón sigue cortando el bosque,
cantando con las sierras en la lluvia,
moliendo frío y aserrín y aroma.

” Donde nace la lluvia”

Pero tamén ao Neruda máis descoñecido e vangardista, por iso nos deslizamos polas páxinas de Libro de las preguntas, unha “marabilla nerudiana” coa que nos agasalla a editorial Media Vaca.

Máis non queremos quedar en débeda con ninguén. Se Luis lle amosou a Paolo a poesía, o leñador achegoullle unha maneira de vivir, as telas de Veermer e tamén a Bach ( que escoitamos en CD, porque non sabiamos que María o interpretaba ao piano, porque de sabelo pediamoslle un directo). E Ángel deulle, entre moitas outras cousas, un zorro.Polo tanto trouxemos un zorro literario, o de El principito.

Quedaron moitas cousas por dicir, xa que é esta unha histora que dá para moito. Podedes seguir comentándo aquí,mentras ides lendo a próxima que será:  As confesións de Carlota Doyle, de Avi. Comentarémola, con Paco, o primeiro luns de xaneiro, o día 9. Isto é chegar e encher…

Grazas, Elisa, por vir.

Reunión do Club de lectura

     O luns 7 tivemos a reunión do “Club de lectura”. Faltáronnos algúns que estiveron con Esme ensaiando o espectáculo de títeres para as “misións pedagóxicas”, xa vos contaremos disto porque a piques están de comezar.

     Algúns dos asistentes non leran o libro porque disque non o había na biblioteca cando foron buscalo. Cando sexa así, hai que insistir. Se están prestados espérase a que outro o devolva e volvese a buscar. Vedes a importancia de devolver os libros no seu prazo? Pero bueno, desta vez non valen esas excusas porque houbo libros parados alí na biblioteca días antes, bastantes días antes, da reunión.

Pero aínda así, todos asistiron ó club, comeron as súas arepas, hamburguesas, ensalada de pasta. Porque xa sabedes que as reunións do club de lectura comezan por unha sesión gastronómica. Logo de encher a barriga; acompañar o postre coa escoita do poema de Kavafis na voz de Lluis LLach e a da persoal versión de Krahe, que podedes recordar no antigo anterior deste blog; sen esquecernos de para que estabamos alí, pois non comeramos “loto” ningún de nós, nin tardamos o tempo da travesía de Ulises en comer. Despois de todo iso, quen máis quen menos deu a súa opinión sobre o inxenioso Ulises, ó que algún tildou ademais de inxenioso (iso non houbo quen de negarllo), de pouco escrupuloso e trapalleiro. Valente, tamén dicía Samuel que era, aínda que nese aspecto todos coñecemos outros heroes que o superan. Pero xa sabemos o que di o dito “máis vale maña ca forza”

María quedounos impactada xa desde o comezo co episodio do cíclope, que aínda que a ela lle parecían atroces, despertaron as simpatías dalgúns. E desde logo a ninguén lle pareceu ben a conducta do heroe cando ó marchar se puxo a berrar de ovella e a rirse do cíclope xa cego. É certo que lle matara a algúns compañeiros, pero tamén é certo que lle entraron na cova con todo descaro e naide lle mandou meter o fuciño alí.

curiosidade, esa curiosidade que perde ós personaxes máis variados na tradición literaria… quen foi o que se lembrou de Pandora?, a que por culpa da súa curiosidade insaciable destapou a caixa dos males (foi Omar quen nolo recordou?)

Tamén os compañeiros de Ulises, non só por curiosidade neste caso, senón por avaricia (como apuntaba Alejandro) botaron a perder o regreso cando xa estaban cun pé na casa.

Os que mereceron menos simpatías có Cíclope foron os pretendentes de Penélope, todos os do Club vimos ben merecida a venganza.

Pero para vengativos os deuses. Como di Krahe na súa canción “con Poseidón no se juega”. Aínda que tamén os hai que axudan, menos mal, así queda a cousa máis repartida, non é Pedro?

Tamén houbo quen fixo a comparación do libro de Sutcliff, adaptación de Homero,  coa historia de Simbad o marino e mesmo co que leramos o ano pasado de Marcos Calveiro “Sari soñador de mares”   O episodio das sereas e Escila e Caribdis tamén chamaron a atención do grupo. No caso de Escila e Caribdis estendémonos un pouco na cuestión de por que Ulises elixe pasar por onda Escila: dos males sempre hai que elixir o menor.

E con todo isto foisenos pasando a hora da reunión do Club de lectura acabando coa discusión de se é Ares ou Atenea o deus/deusa da guerra, de por que esta axudaba a Ulises e as semellanzas entre heroe e deusa.

Todo isto resolvémolo ó final, e de pasada recordamos a Gerónimo Stilton, e recordamos ós Simpson… e é que ler ós clásicos, aínda que sexa adaptados, da para moito.

Despois de todo isto só dicirvos que quedamos emplazados para o luns 5 de decembro, coma sempre na biblioteca ás 14:30. A lectura sobre a que versará a reunión será “Las lágrimas del asesino” de Anne-Laure Bondoux. Xa tedes os exemplares á vosa disposición na biblioteca, e hai para todos/-as.

Ah! E os que non puidestes asistir á reunión podedes deixar as vosas opinións aquí, contestaremos con gusto ós vosos comentarios. Ata a próxima.