Carlos Casares

Comezamos a semana das Letras Galegas co seu protagonista, Carlos Casares. Aínda que xa leva varios meses connosco, hoxe “inauguramos” esta exposición homenaxe ao autor que preparou Cándido. O texto que acompaña ás fotografías é de Dores:

Carlos Casares nace no 1941 en Ourense. Con catro anos vai para Xinzo de Limia, onde o seu pai era mestre.  Alí aprende os nomes das árbores e dos paxaros e escoita historias da guerrilla antifranquista. Con tres anos estivo a piques de morrer afogado no río. Salvouno unha curmá, como o propio Carlos salvaría uns anos máis tarde ao seu irmán Xavier das augas do Limia.

Resultado de imagen de carlos casares

No 1952 ingresa no Seminario de Ourense. Aquí espertará a súa vocación literaria, alentada polo seu profesor de Literatura, Agustín Madarnás, que escolle unha redacción súa para ler en voz alta.

A partir dese momento, Casares le con paixón tanto os clásicos grecolatinos como autores españois e estranxeiros cuxa obra non supuña un perigo perigo moral. Os perigosos (Voltaire, Flaubert ou Stendahl) líaos nos veráns, en Xinzo, grazas ao bibliotecario da vila, republicano e comunista.

Tras gañar un concurso provincial de relatos, coñece a Vicente Risco, membro do xurado, con quen manterá unha breve -Risco morreu en 1963- pero intensa amizade.

A comezos dos 60 inicia os estudos universitarios de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela. Alí contacta cos estudantes galeguistas liderados por Ramón Piñeiro.

Desde a Agrupación Democrática de Estudantes, participa en actividades culturais, como a organización do histórico recital de Raimon en Santiago, 

En 1967  publica Vento ferido, libro de relatos xuvenís que atrae a atención da crítica e dos lectores.

Resultado de imagen de vento ferido

No seu primeiro traballo como profesor, en Viana do Bolo, é acusado de “comunista” por pretender que os nenos pobres da vila puidesen ter servizo de comedor escolar gratuíto: expedientado, despedido e inhabilitado para impartir a docencia en Galicia, vese obrigado e marchar a Bilbao. 

En 1971, nun tren que se dirixe a Santiago de Compostela, Casares coñece a Kristina Berg, unha rapaza sueca. O seu casamento – pouco despois, en Ourense- abriralle a Carlos as portas de Suecia, un país que acabará coñecendo moi ben, incluída a súa lingua..

En 1976 recibe o Premio da Crítica Española por Xoguetes para un tempo prohibido.

En 1982, é elixido deputado ao Parlamento de Galicia por Ourense. Participará na redacción da Lei de Normalización Lingüística (1983).

En 1983 é invitado pola Unión de Escritores da Unión Soviética, e xunto con escritores como Manuel Vázquez Montalbán viaxa pola URSS, dando conferencias e participando en seminarios

En 1985 é nomeado director de Editorial Galaxia, cargo que desempeñará ata a súa morte,

En 1992 comeza a publicar diariamente en La Voz de Galicia a súa columna Á marxe, cun éxito sorprendente: nunca unha columna escrita en galego lograra estar entre as máis lidas e preferidas.

Nestes anos multiplica a súa actividade: escribe biografías (Ánxel Fole, Martín Sarmiento) e publica narrativa:  Deus sentado nun sillón azul (1996) e O sol do verán (2002.

Resultado de imagen de deus sentado nun sillón azul

Recibe importantes premios, tanto xornalísticos (Fernández Latorre”, “Julio Camba”) – como pola súa narrativa (Premios da Crítica, Galaxia).

Ingresou na Real Academia Galega en 1978 e presidiu o Consello da Cultura Galega desde 1996.

Con case sesenta anos, viaxa con oitenta escritores europeos nun Expreso da Literatura Europea que durante mes e medio percorre Europa.

Carlos Casares falece o 9 de marzo de 2002. Un día antes levara ao prelo  O sol do verán.

OBRA DE CARLOS CASARES

Na obra narrativa de Carlos Casares adoita establecerse dúas etapas:

Etapa de renovación: historias ambientadas na época franquista, utilización de elementos autobiográficos, técnicas narrativas innovadoras (monólogo interior, ruptura temporal…).

As obras máis representativas deste período son:

Vento ferido (1967): doce relatos que abordan temas relacionados coa existencia humana (vinganza, morte, soidade, traizón)

Vento Ferido é unha mediametraxe nacida no obradoiro audiovisual do CeMAC, o Curso de Medios Audiovisuais de Celanova. Está dirixida por Miguel Grandío.

Cambio en tres (1969: aborda o mundo da emigración a través do personaxe de Lisardo, que retorna a Galicia para asistir ao enterro dun amigo da infancia.

Xoguetes pra un tempo prohibido (1975): obra pola que recibiu o premio Galaxia e o Premio da Crítica española). Nela reflicte a infancia e a adolescencia dos protagonistas na na posguerra.

Etapa tradicionalista: é unha etapa menos experimental, na que aparecen historias tinxidas de humor e ironía e ambientadas en distintos períodos do pasado :

Os escuros soños de Clío (1979, Premio da Crítica galega): doce contos, presuntamente históricos, nos que Casares mestura ficción histórica, superstición relixiosa, fantasía e humor.

Ilustrísima (1980): a chegada do cinematógrafo á vila provoca o enfrontamento entre a Curia episcopal (fanática, intolerante e dogmática) e o propio bispo ( comprensivo, tolerante e pacífico).

Nas súas últimas novelas, Casares volveu interesarse pola nosa historia recente, o ambiente das vilas galegas na guerra e na posguerra: Os mortos daquel verán (1987) e Deus sentado nun sillón azul (1996).

Narrativa xuvenil: Casares cultivou tamén literatura para nenos: A galiña azul (1968), a obriña dramática As laranxas máis laranxas de todas as laranxas). Esta última foi adaptada polo Centro Dramático Galego no 2011:

Casares foi, asemade:

Biógrafo (Otero Pedrayo,Curros Enriquez, Vicente Risco, Ánxel Fole, Padre Sarmiento…)

Ensaísta: Hemingway en Galicia (1999) ou Un país de palabras (1998).

Columnista: foi colaborador habitual en La Voz de Galicia, baixo o epígrafe Á marxe. Moitos dos artigos publicados aparecen recompilados no volume Na marxe de cada día (1994).

Tradutor:Casares traduciu ao galego obras doutras linguas, como é o caso de

  • Le petit prince, de A. de Saint Exupéry >  O principiño, Vigo, Galaxia, 1972 [14ª ed., 2010].Tordyvlen flyger i skymningen, de M. Gripe = Os escarabellos voan á tardiñaVigo, Galaxia, 1989.

  • The Old Man and the Sea, de E. Hemingway = O vello e o marVigo, Galaxia, 1999.

De O principiño, foi tamén coleccionista: ten máis de 100 edicións distintas en múltiples idiomas!!

Resultado de imagen de o principiño carlos casares

Tamén desde o corredor do primeiro andar, o que nos guía á biblioteca, nos mirará Casares:

E, finalmente, María do Ceo canta así para el: