Moito lemos e calcetamos no curso 2021-2022

Este curso pasado , sen dúbida, os Club de lectura foron os protagonistas do IES Val do Tea. Tivemos catro clubs en marcha!!!!!!!

De acordo coa suxestión realizada pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, propuxemos lecturas que contribuísen á revalorización da lingua oral desde dous enfoques: como depositaria da nosa particular forma de entender o mundo e como pretexto para fomentar a práctica da oralidade. Con isto pretendiamos contribuír a un maior coñecemento da nosa tradición e a mellorar as competencias comunicativas do noso alumnado, así como a promover a súa interacción social e a suscitar o debate sobre cuestións de actualidade que lles afectan dun xeito ou outro. Todo isto, sen esquecer un aspecto fundamental: o pracer de ler. Non todas as lecturas se axustaron exactamente ás premisas establecidas previamente, pero cremos que en xeral, abrimos o campo a cuestións de interese e o alumnado participante gozou coas propostas lectoras.

O Club de lectura dos máis pequenos e pequenas, o alumnado de 1º e 2º da ESO, estivo capitaneado pola profe Encarna, que se reunía cos e coas participantes todos os primeiros luns lectivos de mes á hora do xantar. Ademais desenvolveron varias actividades co alumnado do Club de lectura do Fermín Bouza Brey. Unha delas foi o visionado da película Misterios no pazo, na que un membro do Club participa como actor.

O filme, por certo, recibiu varios premios en certames a nivel internacional. Tamén compartimos unha lectura co club do colexio Bouza Brey: Aldara e a lenda do cervo branco, de Inés Vázquez . O alumnado de Primaria compartiu con nós o debuxo e o vídeo da elaboración do mesmo que a ilustradora Inés lles enviou. Alén diso, ambos clubs tamén intercambiamos dípticos de recomendacións lectoras.

Por outra banda, as lecturas que fixemos en 1º e 2º da ESO foron: O achado do Castro, de Núñez Singala, Mitos de Memoria del fuego, de Eduardo Galeano e Cando sangren os lobos, de Adrián Gómez Barros.

A pesar da súa brevidade é unha obra moi grande. Nela, o autor lévanos á Roma antiga, mais faino xogando coa lingua obrigando a que os personaxes falen coma nós, con termos de hoxe en día, o que nos leva a situacións moi cómicas dende un”latín”un chisco especial. Como boa historia romana, hai un emperador, que é de todo agás espelido, soldados, filósofos barbudos e sabios, e… unha historia de amor. Humor, situacións inauditas e, sobre todo, unha lectura engaiolante. A peza teatral tamén nos serviu de pretexto para coñecer a cultura castrexa.

Con Eduardo Galeano adentrános nos mitos de Memoria del fuego. O propio autor di que “quise contar historias, las historias de la historia americana, al oído de quien tuviera ganas de escucharlas, a cualquier edad y en cualquier lugar…” Un libro de cuentos sobre el mito de la creación destinado a oídos jóvenes y curiosos que quieran saber cómo nacieron las nubes, el tiempo, los colores, la lluvia, o ¿por qué el cuervo tiene la voz ronca y el oso camina torpemente?…Na revista Babar fálannos así da obra que lemos.

E aquí Galeano explica a diferencia entre mito, realidade e lenda:

Finalmente achegámonos con Adrián Gómez Ramos ata as rúas de Compostela para ver Cando sangren os lobos. Con esta obra o autor gañou o primeiro premio na modalidade de Novela Curta do certame Xuventude Crea.

Hai un asasino solto polas rúas de Compostela e só dous irmáns distanciados tras a morte dos seus pais coñecen os segredos necesarios para detelo. Fernán e Xandre Malvís terán que superar as barreiras autoimpostas entre eles e aprender a confiar o un no outro mentres se enfrontan a un criminal que supera totalmente o raciocinio.Lobishomes, meigas e segredos de antigas familias crean un entramado que, de non ser resolto, porá en perigo as vidas de todos os habitantes da cidade. O tempo corre ata a seguinte lúa chea; cada nova noite pode supoñer unha vítima máis e, un só erro, a perda de todo aquilo que os irmáns consideran digno de protección.

Tamén aproveitamos para escoitar a historia doutro lobis home: o “Cantar de Romasanta” na voz de Luar na lubre.

Os rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO tamén se reunían os primeiros luns lectivos de cada mes para compartir xantares e lecturas. A primeira foi Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro. Na sesión, ademais de comentar aspectos significativos da mesma: a crítica da especulación urbanística, o abandono da xente maior, a ambición desmedida, o egoísmo…, visionamos un fragmento dunha representación teatral desta obra levada ás táboas por Teatro do Noroeste.

Nesta obra, e en clave de humor negro, o autor ( e por extensión a compañía que a pon en pé) fai unha radiografía da ruptura entre unha xeración que coidou da terra e outra que ve nela só un medio para obter diñeiro rápido.

Nas seguintes sesións iniciamos o camiño da lectura e da costura. Encetamos o ano facendo Bordados con Marjane Satrapi. Tras ler na casa a obra, na xuntanza falamos dos temas que se abordan no cómic: a situación das mulleres en Irán, a sororidade, a sexualidade…Seguimos tirando do fío e chegamos ata Os rapaces non calcetan, tradución ao galego da obra de T.s Easton.

Nesa ocasión, e debido á temática da mesma, ademais de comentar a novela, os membros do Club de lectura aprenderon a calcetar da man da súa profe de galego, Ana, encargada de guiar ese día a reunión. Segundo di Ana, “ o resultado foi moi satisfactorio, ao mesmo tempo que valoramos a lectura e compartimos opinións, achegámonos ao mundo da calceta, que resultou moi novidoso e interesante para todos os participantes. Tanto é así, que un par de meses máis tarde repetimos a experiencia noutra das sesións do mesmo club”. Efectivamente, a experiencia repetiuse coa lectura de O club da calceta, obra que chegou sen ser buscada, pero non podía haber momento máis oportuno para lela.

smart

Acompañounos na lectura unha ex alumna, Vero Domínguez, que se achegou a xantar e a calcetar connosco. E falamos das historias das mulleres que nos presentou María Reimóndez, libro que xa é un clásico da literatura galega.

No Club tamén leron, axudados pola profe Sara, un libro en inglés, The Picture of Dorian Gray. Durante a sesión, tras facer un breve resumo do mesmo en inglés, tamén compartiron cales foron as pasaxes da historia que máis lles gustaron; alén de debater a parte filosófica da obra escrita por Oscar Wilde. Foi, segundo a mediadora, Sara Vaz, “unha experiencia moi positiva, tanto para os alumnos e alumnas que participaron, como para a profesora. Creouse un vínculo moi interesante durante as exposicións, debates, etc.; e rematar xogando sempre lles gusta. Moi enriquecedor para fomentar o interese do alumnado na lectura (neste caso en lingua inglesa).

Este ano rematamos as sesións de lectura cunha obra de Carlos Negro, que, se ben é máis coñecido pola súa faceta poética, con Non cantan os paxaros neste bosque mergúllase con éxito, no mundo da narrativa. Aquí ofrécenos un conxunto de relatos de intriga e misterio que foi moi ben recibido polo alumnado participante.

Os alumnos e alumnas de Bacharelato tamén tiveron un Club de lectura propio que guiou o profe de galego, Alfonso Díaz. Formado por seis alumnas e un alumno de Bacharelato mais cinco profesoras e seis profesores do Centro IES Val do Tea, foi unha actividade moi gratificante, a xulgar polas impresións dos seus integrantes. Comenta Alfonso que “todos coincidimos en considerar unha experiencia moi positiva, xa que compartimos e debatemos moitos temas de actualidade a partir das ideas presentes nas obras de lectura elixidas para cada trimestre; sen deixar de analizar os diferentes aspectos tratados nas mesmas”.

“A idea xurdiu de unha alumna e un alumno que consideraban inxusto que, despois de estaren todos os cursos da ESO nun Club de Lectura, non tivesen a oportunidade de continuar con esta actividade que tanto lles gustaba. Así pois, coa finalidade de dar continuidade a esta actividade e de satisfacer os desexos destes alumnos, decidimos crear este Club de Lectura”. Nesta ocasión, as lecturas terían lugar de xeito trimestral e acordouse que en cada trimestre se lería unha obra dun xénero literario diferente e que ningún dos membros integrantes tivese lido antes. Para o primeiro trimestre decidiuse, por maioría dos presentes, empezar cunha novela de intriga. Para elixila, creouse un foro na aula virtual do Centro para que cadaquén propuxera os títulos que considerara, así como unha sinopse de cada un. Despois de presentar todos os títulos, nunha data fixada previamente procedeuse á votación (a través do foro) e a obra gañadora foi O que a marea esconde, de María Oruña.

O argumento desta novela xira en torno á investigación da morte de Judith Pombo, encargada de organizar unha homenaxe ao ex-tenista Basil Rallis e que aparece morta no camarote da goleta La Giralda, varada nas augas da baía de Santander. Todos os invitados pasan a ser sospeitosos nun caso de asasinato aparentemente imposible. Nesta historia policial, a tenente galega Valentina Redondo non só terá que resolver o crebacabezas do crime máis estraño da súa carreira senón tamén recompoñer as pezas da súa propia vida.A valoración desta lectura non foi moi positiva, xa que a trama nos parece moi sinxela, mantén pouco a intriga e a tradución non é demasiado boa.

Para o segundo trimestre, despois de propoñer (por maioría) a lectura dunha obra de teatro (na xuntanza do primeiro trimestre) e seguindo o proceder do primeiro, a obra que saíu elixida foi Só un home bo, de Raúl Dans.

Manuel F. Vieites fala así da peza e do autor.

A imaxe está extraída de aquí

Con esta obra dramática, Raúl Dans acadou o premio Laudamuco de teatro na súa segunda convocatoria. Nela condensa, en catorce escenas, un drama familiar e policial, inspirado neses casos de sona mediática, que o autor esculca na profundidade da súa psicoloxía grazas aos recursos da literatura. O autor traslada á Galicia contemporánea unha historia con todo o peso dunha traxedia grega. Non é casual que o pai da vítima mortal sexa profesor de latín e grego, enuncie reflexións filosóficas e estea a traducir Edipo Rei. Un mundo que se contrapón ao aparentemente máis básico das verbenas e as motos, pero no que a cultura ás veces non é quen de poñer freo á barbarie. A axilidade e economía dos diálogos e dous monólogos estarrecedores redondean unha obra que fascina de principio a fin. A valoración desta obra foi moi positiva, a que máis gustou á maioría das persoas do Club de Lectura das tres obras lidas neste curso, pola habilidade na construción da trama, pola condensación de significado en tan poucas páxinas, por como crea a complexidade psicoloxía das personaxes a través dos seus diálogos, pola coherencia no fío condutor da historia, polas reflexións a que nos levou, polo final inesperado e sorprendente, etc.

Finalizamos a actividade deste curso no terceiro trimestre coa escolla (seguindo o mesmo procedemento ca nos casos anteriores) da novela gráfica Fun Home: unha familia traxicómica, de Alison Bechdel, despois de debater na xuntanza do trimestre anterior entre poesía, banda deseñada ou manga.

Imaxe extraída de aquí

Esta obra autobiográfica céntrase na vida de Alison, filla de Bruce Bechdel (profesor de inglés e dirixente dunha funeraria) e que admite, xa na universidade, que é lesbiana. Ao pouco de descubrir que o seu pai tamén é homosexual, este falece nun accidente, e déixalle á súa filla un legado de misterio, complexos e soidade. Alison Bechdel transforma así a súa historia familiar nunha novela gráfica de referencia, de gran profundidade literaria e psicolóxica.

Nesta obra valoramos positivamente a combinación do ton tráxico co humor negro, a complexidade psicolóxica das personaxes, a maneira de contar a historia, a simbiose de texto e imaxe, a calidade da tradución, etc.

A experiencia foi moi positiva. Ademais dos aspectos xa comentados, destacamos o feito de que o alumnado participase na elección das obras de lectura, comprobase a dificultade que supón a súa elección, todas as posibles valoracións que da mesma se poden facer, etc,; así como a interrelación entre alumnado e profesorado.

Como se viu, todo alumnado da ESO e de Bacharelato que así o desexara puido formar parte da equipa de lectoras e lectores que gostan de compartir lecturas, mais este curso tamén quixemos ofrecerlle a posibilidade ás familias dos alumnos e alumnas do centro. Acudiron sete mamás de varios rapaces e rapazas e con elas nos xuntamos en varias ocasións. Os libros elixidos foron, en primeiro lugar As ramonas, de Ana Cabaleiro e Casa de bonecas de Ibsen. Tivo máis éxito a primeira, talvez por ser unha novela, xénero literario que máis se le. A súa lectura deu pé para dar a coñecer, entre outras cousas, a obra de varias fotógrafas que tiveron máis éxito cá protagonista da novela e puideron adicar a súa vida a facer fotografías.

Polo que se refire a Casa de bonecas tamén comentamos o feminismo que está presente na obra, especialmente nese portazo de Nora co que remata a peza. Dende aquí animámovos a ler O que ocorreu despois de que Nora abandonara ao seu home ou os piares das sociedades, da dramaturga austríaca Elfriede Jelinek .

No segundo trimestre lemos poesía e novela. As profes mediadoras ( Dores e Esme) propuxemos a obra poética de Miguel Hernández, poeta limpo e diáfano o que sempre é un gusto ler e querer. Quedan aquí as súas fermosas “Nanas de la cebolla” que lle escribiu ao seu fillo desde o cárcere. Están na voz de Joan Manuel Serrat e emocionan sempre:

Tamén lles ofrecemos a obra Poetízate,antoloxía poética, de Fran Alonso, a modo de camiño polo que andar para coñecer a lírica galega desde os poetas máis clásicos ata os máis modernos. Oxalá fósemos capaces de poetizar un pouco a esas mamás que viñeron compartir connosco o que leron!!

Polo que se refire á novela, lemos La sonrisa etrusca, de José Luis Sampedro. A obra tivo bastante éxito, talvez porque aborda temas universais como o amor entre un avó e un neto, a vida rural, a presenza sempre latente da morte, que fai que o protagonista, o ancián Salvatore Roncone, cabezudo e rosmón queira apreixar a vida que se presenta tan intensa e calmada agora que remata…

Xa para rematar optamos pola compaña de Manuel Rivas e lemos Que me queres, amor e Ela, maldita almahttps://editorialgalaxia.gal/produto/ela-maldita-alma/. Con este “mañuzo” de relatos rematamos os encontros lectores. Así que foi Manuel Rivas quen nos ofreceu “a primeira cereixa do verán” coa que soña o protagonista do primeiro conto de Que me queres, amor. Tamén escoitamos un saxo na néboa e vimos os ollos de Pardal cando levaron ao seu mestre, para pasealo e probablemente matalo. Tres dos relatos deste libro foron levados ao cine por José Luis Cuerda, director de A lingua das bolboretas, filme que está moi, moi á altura dos relatos e sempre toca o corazón cando nos achegamos ata el da man dese mestre que tanto adoraba ensinar na liberdade e na dignidade. Aquí queda o tráiler da película:

E probamos do mel da vella raíña que alza o voo. E así rematamos as nosas lecturas e comezamos o verán: con sabor a mel nos beizos.

A experiencia, de xeito moi resumido, foi moi positiva e os libros propostos deron pé a falar de múltiples temas ( relacións persoais, desigualdade, vida rural/urbana). Ao seren lectoras adultas e de procedencias, profesións e situacións persoais moi diferentes, consideramos que este club ofreceu unhas posibilidades moi interesantes para a socialización, interacción cultural…, que debiamos coidar e repetir.