O Samaín

Resultado de imagen de samaín

(Procedencia da imaxe)

A festa do Samaín é unha antiga festividade celta que se celebraba o 31 de outubro e marcaba o paso a un novo ano, pois os celtas situaban o comezo do ano coincidindo co que para eles era o comezo da estación sombría, o inverno. Como pobo profundamente apegado á natureza que eran, os celtas dividían o ano en catro estacións asociadas con catro festividades:

Samaín: 1 de novembro. A partir desta data abandonaban os seu labores de pastoreo e sacrificaban animais para conseguir comida e peles que os axudasen a pasar o longo inverno.Imbolc: celebrada o 1 de febreiro, abría un período de transición ao verán.

Beltaín: 1 de maio. Celebraba o inicio dunha estación na que a terra ofrecía o seu seo fertilizador ás sementes.

Lugnasac: 1 de agosto. Con ela agradecíanse os froitos que a terra nai ofrecía neste mes de colleitas.

Ciclos da natureza. Procedencia da imaxe.

A festividade do Samaín era a máis importante para os celtas, pois eles crían que na noite do 31 de outubro se abría a porta do Sidh (alén) que lles permitía aos mortos reunirse cos vivos. Por iso, nos poboados acendíanse numerosas fogueiras que axudasen aos defuntos a atopar os seus parentes e compartir con eles, esa noite, os alimentos e o calor do fogar. Porén, non todos os espíritos eran ben recibidos e, para rexeitar a aqueles considerados malvados, os orixinarios pobos celtas penduraban arredor das casas as caveiras dos inimigos vencidos, cun lume aceso no seu interior. Posteriormente, este costume, que durou parte da Idade Media, foi considerado unha mostra de barbarie e as caveiras humanas foron substituídas polas de animais e, máis tarde, por cabazas baleiradas e talladas simulando a forma dunha caveira.

Ver las imágenes de origen
procedencia da imaxe
Visgo: Planta leñosa e perenne, de follas lanceoladas opostas, flores amarelas e froito en baga, que vive parasita sobre troncos e pólas de árbores. Era a planta sagrada para os druídas.

Entre as actividades relacionadas co Samaín estaba a recollida do visgo na propia noite do 31 de outubro. Os encargados de realizala eran os druídas. O ritual consistía en cortar o visgo cunha fouce de ouro, recollelo nun lenzo branco de liño e elaborar con el pócemas curativas e máxicas. Os druídas eran tamén quen acendían as fogueiras sagradas fretando dúas poliñas de serbal. A seguir, en todos os fogares se apagaba o lume das lareiras para despois, prendendo ramiñas na fogueira sagrada acendida polos druídas, volver prender un lume novo como símbolo do desexado retorno da vida tralo inverno.

Todas estas crenzas e tradicións experimentarán profundos cambios coa chegada do cristianismo que, como en moitos outros casos, vai intentar reconverter as antigas festas pagás en celebracións cristiás. Así pasou co Samaín, que durante o reinado do rei suevo Carriarico pasou a ser denominado “Día de tódolos santos”. Esta nova celebración sería consolidada polo Papa Gregorio XIII, e situada no 1 de novembro. Pero o espírito do antigo Samaín pervive aínda baixo a denominación de Día de Defuntos, día que crentes e non crentes adican a honrar aos seus mortos, a compartir con eles emocións e reflexións e a acenderlles lámpadas e porlles flores, que non son outra cousa que o actual símbolo dos alimentos e da calor que os antigos celtas ofrecían aos seus mortos.

Curiosamente, é esta antiga festa pagá (Samaín) a que dará lugar á celebración anglosaxoa coñecida como Halloween. A denominación “Halloween” procede da expresión inglesa “All Hallow’s day” (Dia de tódolos santos) e dá nome a unha tradición irlandesa enraizada no Samaín celta, que foi levada a Norteamérica polos emigrantes irlandeses. Unha vez alí popularizouse e, coa habilidade xa característica dos americanos para vender, foi reexportada a Europa. Desta maneira pode darse o paradoxo de que un neno ou unha nena galega saiban perfectamente o que é Hallowen e participen activamente na súa celebración, pero descoñezan completamente que no seu pobo, fai centos de anos, xa se celebraba unha festa chamada Samaín, que expresaba unha forma de entender a vida e a morte que aínda hoxe nos caracteriza

Dise que a profunda relación do pobo galego cos seus defuntos ten orixe na cultura celta e na crenza en que na noite do 31 de outubro o veo que separaba o mundo dos mortos do dos vivos era máis fino, e deixábase atravesar facilmente. E desa crenza parecen derivar costumes galegos moi antigos, como deixarlles nesa noite algo de comer na mesa aos defuntos e botar un gran toro de leña para que o lume non se apagase en toda a noite e non pasasen frío. Tamén a prohibición de varrer a cociña pola noite (para non botalos fóra impedíndolles achegarse á lareira) ou pechar de golpe as cancelas e as portas (para evitar facerlles dano). Entre outras das tradicións que se relacionan co culto aos mortos está o antigo costume galego de comer castañas na noite de todos os santos, pois crese que por cada castaña comida hai unha alma que se salva. Neste ritual parecen ter a súa orixe os Magostos.

A recuperación da festa do Samaín é un xeito de evitar que unha tradición que nos pertence desapareza definitivamente debaixo de formas culturais alleas.